sábado, 13 de diciembre de 2014

Licantropía II

  
Manuel Blanco Romasanta.
  No post anterior falamos da licantropía, agora vouvos falar, hoxe en galego para variar, dun caso en concreto. O afectado é Manuel Romasanta, do que coñecemos a súa vida grazas ao libro escrito por Alfredo Conde, no que toma a voz de Romasanta relatando as memorias que escrebe dende o cárcere, nelas cóntanos todos os detalles sobre as súas vivenzas, a súa personalidade e os asasinatos que cometía. Relata dunha maneira fiel a historia real do que se considera o lobishome de Allariz. Conde crea este libro por “unha débeda familiar” (o tataravó do autor participou do xuízo como forense) e porque Albino Mallo o convence a levar a cabo o proxecto que servirá para a película máis adiante.

  Tanto a novela como o filme toman como punto inicial a vida de Manuel Blanco Romasanta, un asasino en serie nado en Esgos no ano 1809 e morto en Ceuta no 1863. Foi o primeiro caso rexistrado de lincantropía clínica da historia.

  Na súa partida  de nacemento figura como Manuela, pois creron que era unha nena. Nos últimos estudos acerca da súa figura, barállase a posibilidade de que isto fose debido a unha "hiperplasia suprarrenal conxénita clásica virilizante", é dicir, que naceu con órganos xenitais femininos e sufriu unha virilización a partir dos 8 anos. A súa baixa estatura incluso para a época (137 cm) e a masculinización do seu nome no rexistro eclesiástico semellan apoiar a teoría, incluso parte do seu comportamento agresivo podería ter orixe nesta desorde hormonal. Probabelmente debido a isto aprendeu diversas tarefas consideradas “de mulleres” na época, como o seu oficio de xastre e moitas testemuñas acusárono de ter maneiras “efeminadas” tamén. Gañou a vida practicando diversos oficios desde xastre ou pastor até o dedicarse ao contrabando.

  Relacionábase sobre todo coas mulleres e seducíaas para logo matalas. É o autor confeso de 13 asasinatos de mulleres e nenos. Esta información contrasta coa teoría de ter padecido un pseudohermafroditismo feminino, pois este faríao impotente ou con verdadeiras dificultades para manter relacións sexuais. Dise que collía a graxa das súa vítimas para facer ungüentos que despois vendía, de aí o que tamén sexa coñecido como o “Sacaúntos”. Padecía de epilepsia.


  Defendeuse no xuízo aludindo a unha maldición que o obrigaba a asasinar e a comer os restos das súas vítimas. No 1853 foi condenado a morte, mais após da intervención dun antropólogo francés que lle diagnostica unha enfermidade mental monomaníaca chamada licantropía e a súa pena foi conmutada por Isabel II en cadea perpetua. Morre no cárcere pouco despois por mor dun cancro de estómago segundo se pensa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario